O Grupo Municipal do BNG As Pontes leva a pleno a situación do Centro de Día
TEXTO DA MOCIÓN:
Carmela Franco Caaveiro, portavoz do grupo municipal do BNG no concello das Pontes, ao abeiro da do artigo 97.2 do Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro de 1986, do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais presenta para o seu debate no Pleno da corporación e posterior aprobación, se procede, a seguinte moción:
MOCIÓN PARA PROMOVER A AMPLIACIÓN DE PRAZAS ATA O TOTAL AUTORIZADO NO CENTRO DE DÍA
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Actualmente, o Concello das Pontes continúa sen dispoñer de servizos públicos sociosanitarios suficientes nas súas diferentes modalidades (insuficiencia de prazas de atención diurna, ausencia de prazas públicas residenciais…) que cubran as necesidades da poboación, obrigando así a buscar recursos privados de elevado custo - na súa maioría fora da propia área sociosanitaria- ou a acceder a centros residenciais públicos en zonas afastadas do seu lugar de residencia, mesmo fora da provincia.
Os Centros de Día son servizos de atención diurna para persoas en situación de dependencia que precisan atención e/ou apoios de media intensidade (xornada parcial ou completa) e que permiten garantir o mantemento das persoas usuarias no seu domicilio e na súa contorna, retrasando na medida do posible a institucionalización.
Segundo consta publicado no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), o Centro de Día das Pontes, de iniciativa pública e dependente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, iniciou a súa actividade o 21/09/2012 cun total de 30 prazas autorizadas.
Inicialmente, segundo o convenio de colaboración entre o Consorcio e o Concello das Pontes para a xestión indirecta do dito Centro - aprobado por Resolución da Alcaldía o 24/10/2012 - estableceuse a gradualidade na dispoñibilidade das prazas, dando cobertura (nos exercicios 2012 e 2013) a un total de 16 prazas e debendo aumentar progresivamente ata as 30 autorizadas.
A última licitación que ten unha cobertura dun máximo de 16 prazas, non cumprindo coa aumento gradual previsto tras 12 anos de actividade e sen atender ás necesidades e demandas da poboación pontesa solicitante do devandito recurso, como o evidencia o número de persoas na listaxe de agarda.
Polo exposto, o GPM do BNG propón ao Pleno do Concello a adopción do seguinte acordo:
ACORDO
- Demandar do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, no cumprimento das súas obrigas, a oferta, polo procedemento de urxencia, da totalidade das prazas autorizadas no Centro de Día das Pontes
- Solicitar unha reunión urxente das integrantes da Comisión de Benestar Social, Igualdade, Educación e Contratación coa Presidencia e a Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, coa finalidade de tratar o asunto motivo do acordo e achegar certificación do mesmo
- Encomendar ao Alcalde o desenvolvemento do presente acordo.