Encontros Sociais

Encontro co Colectivo de Pensionistas da CIG

O Grupo Municipal do BNG das Pontes reuniuse co Colectivo de Pensionistas da CIG para recadar información sobre a creación dun centro residencial no Concello. O BNG destacou a súa proposta de integrar a residencia nun sistema de servizos sociais planificado e con orzamento estable, promovendo a autonomía e a atención á dependencia. Tamén aclarou que o Concello non é propietario do colexio Pardo Bazán e agradeceu ao colectivo pola organización de debates públicos sobre temas sociais.

Na tarde do luns 17 de xuño, representantes do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego das Pontes mantiveron un encontro co Colectivo de Pensionistas da CIG, a petición deste, para dar traslado da información existente sobre o estado actual da tramitación da creación dun centro residencial no noso Concello así como compartir a proposta que defendeo BNG sobre o modelo de residencia a crear. 

Nesta xuntanza, o grupo municipal fixo fincapé na proposta levada xa no programa electoral para as eleccións municipais do 28 de maio de 2023, no que se apostaba por integrar a creación da residencia como parte dun eixo vertebrador dentro dunha estructura dos servizossociais máis ampla e planificada, con orzamento anual estable e garantista, e cun enfoque integral e participativo. 

Neste eixo, avógase por:

1. Unha liña de promoción da autonomía, mellorando e promovendo o uso dos servizossociocomunitarios públicos existentes e creando outros dos que a vila aínda carece.

2. E outra liña de atención á dependencia, na que tería cabida, ademáis do reforzo e mellora doutros servizos de proximidade como o Servizo de Axuda no fogar (estudode remunicipalización do servizo, creación dun programa para atención temporal de casos urxentes…) ou centro de día, a creación dunha residencia pública con control municipal, ubicada na canle IV preto doutros recursos sociosanitarios, de carácter modular con unidades de convivencia diferenciadas segundo os diferentes graos de dependencia e necesidades de atención (incluíndo estadías temporais para casos sociosanitarios) e baixo o modelo de atención centrado na persoa. 

En canto á compra do colexio Pardo Bazán, o BNG trasladou que, na actualidade e logo do anuncio feito polo goberno municipal a finais do ano pasado, o Concello non é o propietario do mesmo. Tamén lembrou a organización nacionalista que a obriga de poñer a disposición da Deputación os terreos figuraba no convenio asinado na campaña das municipais, e que remataba en abril deste ano.

O BNG agradeceu ao Colectivo de Pensionista da CIG o seu traballo e o feito de organizar un debate público aberto sobre da residencia, acto que vén demandando o BNG dende vaitempo, tamén para outros temas de interese social, como pode ser o do desmantelamento da Central.