TRANSICIÓN XUSTA

200 millóns de euros para Teruel cun Convenio de Transición Xusta que non temos e merecemos nas Pontes

Comunicado do Goberno de Aragón sobre o Convenio de Transición Xusta en Andorra-Teruel.
A comarca contará con máis de 6.000 novos empregos relacionadas cos proxectos que se instalarán a partires deste convenio

Teruel vén de ver aprobado, de forma definitiva, o seu Convenio de Transición Xusta, logo de que a Unión Europea e o Goberno central deran o visto bo. Este plan contempla, entre outras cousas, un investimento público de 200 millóns de euros e a creación de máis de 6.300 empregos.

Andorra (Teruel), con condicións similares ás de As Pontes, avanza e comeza a construír un futuro prometedor. Pola contra, a nosa vila segue agarrada a promesas, sen garantías, que xa se están alongando demais. Continuamos sen ter unha convocatoria da Mesa de Transición Xusta dende hai 2 anos, nin tampouco unha visita da ministra de Transición Ecolóxica ou como mínimo unha explicación de por que os 1.400 MW de evacuación da Central Térmica non poden optar a concurso.

A candidata á alcaldía polo BNG, Carmela Franco, pregúntase se “non tiveron tempo en 16 anos a reactivar a nosa vila? Por que non se lle piden responsabilidades ao Goberno central sobre da nosa capacidade de evacuación? Trátase dunha cuestión de responsabilidade e dunha cuestión de soberanía. Formoso, co seu silencio cómplice, non está a defender os intereses xerais da veciñanza, está antempoñendo os seus propios. O BNG, como sempre fixo, reclamará unha Transición Xusta, inmediata, real e con garantías”.

No caso de Teruel, a súa central de Andorra liberou 1.200 MW que foron adxudicados a través do concurso de Transición Xusta a Enel Green Power, que investirá, si ou si, pois non depende de promesas senón de compromiso firme con fianza de por medio, 1.500 millóns de euros para despregar un potente plan enerxético renovable que repercutirá de forma moi positiva na economía e no emprego da comarca.

E cal é o plan que presenta como contraprestación social e económica aos 5 parques eólicos na nosa comarca aos que o Goberno do Estado vén de conceder a autorización administrativa previa e que terán o seu acceso no nó da Central sen concurso algún? Nós, As Pontes, temos 1.400 MW que quedan libres para que, nese demandado e necesario concurso de Transición Xusta, se adxudique esa potencia á iniciativa industrial e empresarial que mellores condicións presente para dinamizar a nosa vila e comarca. É algo que se leva tempo demandando desde o BNG, unha necesidade que o PSOE debeu esquecer a cambio de promesas electorais.