Folga xeral 23 de Novembro

Acordo do Pleno para apoiar a folga do 23 de novembro

O pleno do Concello acorda cos votos a favor de BNG e PP e a abstención do PSOE o apoio á folga xeral malia termos proposto a posibilidade de que o apoio fose mediante unha declaración institucional conxunta

Como resposta obrigada á solicitude do BNG dun Pleno para apoiar a folga convocada pola CIG para o día 23 de novembro, dende as 11:00 horas ata as 15:00 horas, e facer un chamamento á participación na mesma, cun acto central dunha manifestación o mesmo día ás 12:00 dende a Praza do Carme, o alcalde convocaba onte, ás 15 horas, para hoxe ás 09:30 unha sesión extraordinaria urxente.

Antes do comezo da mesma, e considerando que as reclamacións da convocatoria de folga son compartidas dende todos os ámbitos, o BNG fixo a proposta dunha Declaración Institucional como resultado do acordo unánime, sen o protagonismo de Grupo Político Municipal algún, proposta da que se descolgou o PSOE. A voceira do BNG xustificou a necesidade do Pleno solicitado dende a base do conxunto das reclamacións, que foron apoiadas e compartidas polo PSOE e polo PP, e da necesidade de dar continuidade a todas as concentracións, manifestacións, peches, caravanas,... nas Pontes, na Coruña, en Santiago, Madrid... iniciadas en 2019 logo da solicitude de peche da Central por parte de Endesa, ademais de ser unha resposta acaída aos desmantelamentos, desprazamentos, peches e EREs no inmediato, sen alternativas concretas simultáneas ou a curto prazo, de continuidade e con garantías, que configuran a grave situación laboral, social e económica, a máis problemática e preocupante dende hai moitos anos nas Pontes.

A proposta resultou aprobada polos votos favorábeis do BNG e do PP, mentres que o grupo de goberno municipal do PSOE optou pola abstención; de tal xeito, a proposta é asumida polo Pleno do Concello das Pontes, facendo un chamamento público a participar na folga e, nomeadamente, na manifestación ás 12 h. dende a Praza do Carme.

Dende o convencemento de que a pasividade non é unha opción, de que a non alternativa (non facer nada) non é unha alternativa, e dende o respecto ás decisións individuais, o BNG quere reafirmarse, unha vez máis, na necesidade, tamén obriga, dunha resposta firme, decidida e, sobre de todo, colectiva, polo que fai un chamamento a todas as persoas, entidades e organizacións das Pontes para que se sumen, apoien e sexan partícipes da xornada de folga e da manifestación do xoves 23 de novembro. As Pontes está ante o seu futuro; cun presente de enorme caída industrial e cheo de promesas que enchen páxinas de periódicos pero sen realizarse ningunha obra; por iso non podemos calar ante o desleixo das diferentes administracións.

ISTO NON É UNHA TRANSICIÓN XUSTA É UNHA RECONVERSIÓN