O actual alcalde e candidato do PSOE evita dar contas á veciñanza negándose a realizar a entrevista de RTVEume
Os medios públicos en período electoral teñen a obriga de ofrecer espazos gratuítos para que os partidos amosen as súas propostas electorais ademais de realizar unha cobertura xornalística da campaña. Nese exercicio de servizo público, ofrecéuselle ás diferentes candidatas á alcaldía das Pontes realizar unha entrevista na que se trataran diferentes cuestións relativas ao último mandato e ás propostas de cada organización.
A nosa candidata á alcaldía, Carmela Franco, tiña concertada unha entrevista a semana pasada co persoal de RTVEume. Non obstante, un día antes, esta foi cancelada a última hora esgrimindo que un dos candidatos alegaba problemas de axenda para poder realizala. É dicir, un dos candidatos á alcaldía das Pontes alega que en campaña electoral para as eleccións municipais das Pontes non ten tempo a atender os nosos medios públicos e responder ante as veciñas e veciños das Pontes.
Para evitar problemas coa Xunta Electoral de Zona, xa que solicita equidade para estes espazos xornalísticos nos medios públicos, o ente público pontés determinou non emitir ningunha destas entrevistas. Así, estase a negar o acceso a información veraz fundamental para poder determinar o sentido do voto nas eleccións que se realizarán este domingo 28 de maio polo desinterese amosado por un dos candidatos.
A candidata á alcaldía, Carmela Franco, sinala que "o máis normal cando hai un proceso electoral é realizar, como mínimo, un debate electoral como se fai noutros concellos, como por exemplo Vilalba. Non obstante, vemos que nas Pontes hai que nin se digna a facer unha entrevista coas mesmas condicións para todas as candidatas".
Doutra banda, mentres o pluricandidato socialista rexeita o convite de RTVEume, non ten problema en atender diversos medios privados para facer campaña para os múltiples cargos que ostenta na actualidade. Asemade, cabe recordar que nos últimos meses, tivo un espazo semanal nesa mesma canle pública en calidade de alcalde das Pontes. Por que lle xorden agora problemas de axenda? Moléstalle que todas as candidatas teñan as mesmas regras do xogo?
Desde o BNG das Pontes queremos poñer en valor o traballo dos profesionais de RTVEume. Veñen realizando o seu traballo nos últimos anos nunhas condicións precarias que non se corresponden cunha ferramenta de servizo público que xa quixeran en moitos concellos da mesma entidade que o noso.