ENCONTROS COA VECIÑANZA

Mantemos a nosa segunda xuntanza coa veciñanza coa AVV da Choupana

Unha decena de persoas escoitaron as iniciativas do BNG das Pontes

As asistentes expuxeron a súa preocupación arredor do estado do antigo colexio da Pardo Bazán e os membros da candidatura trasladaron o noso plan para reactivar o potencial desa área

O BNG das Pontes segue cos encontros abertos coa veciñanza do municipio para amosar as súas iniciativas para reactivalo á par que recolle as súas demandas concretas. Convocadas pola asociación veciñal do barrio, veciños e veciñas da contorna da Pardo Bazán participaron activamente neste intercambio de ideas.

Na xuntaza prestouse especial atención ao estado ruinoso que presenta o antigo colexio da Pardo Bazán. A veciñanza solicita que se actúe xa sobre esa área para poñer fin á degradación deste centro. Desde o BNG trasladáronse varios plans de actuación para aproveitar esa parcela e dotala dun uso público que se poida aproveitar por toda a veciñanza. 

Dada a súa localización ao pé dunha gran área deportiva, a nosa candidatura propón dárlle unha utilidade relacionada con isto para facer un centro deportivo na que localizar as oficinas centrais do deporte pontés, con espazos para as entidades deportivas e poder incluir tamén unha residencia para acoller deportistas. Non obstante, o noso programa defende unha maior participación veciñal na que se podería decidir que usos dárlle a ese espazo.

Os membros da candidatura presentes na reunión, Carmela Franco, Emma Lamas, Kiko da Silva, Iago Foxo e Celso Barro, comunicaron que o BNG non ve preciso localizar alí a residencia xeriátrica, como pretende presuntamente o PSOE, e segue a defender a localización idónea para o noso Fogar das Persoas Maiores: a Canle IV nunha contorna céntrica e con servizos accesibles.

Ademais, volveuse realizar unha diagnose da situación e unha fiscalización do goberno local, onde a candidata á alcaldía, Carmela Franco volveu incidir na necesidade de reverter a situación actual e “colaborar xuntas para construír unha nova As Pontes da que sentirnos orgullosas para frear a parálise do goberno actual”.

Ao longo desta semana, diferentes membros da candidatura achegaranse ata A Casilla, As Veigas, A Faeira ou Ribadeume para seguir intercambiando ideas coa veciñanza.