ENCONTROS SECTORIAIS

O BNG das Pontes reúnese cos centros de educación secundaria e superior

Exteriores IES Castro da Uz
Membros da candidatura do BNG mantiveron unha xuntanza no IES Moncho Valcarce e no IES Castro da Uz

O BNG das Pontes vén de reunirse coas directivas do IES Castro da Uz e do IES Moncho Valcarce. Nestas frutíferas xuntanzas trasladáronse as propostas da candidatura en materia de equipamentos, infraestruturas e oferta formativa, co obxectivo dunha maior e mellor obrigada colaboración do Concello con ambos os dous centros de ensinanza pública.

Nese senso, trasladouse a necesidade de retomar os convenios de colaboración que se tiñan no pasado coa Consellería de Educación para realizar melloras na rede educativa do municipio. Así, o Concello levaría a cabo actuacións nos espazos educativos que son da súa competencia, mentres que a Xunta acometería obras polo mesmo importe, cando menos, nos dous Centros de ensino secundario, cunha planificación plurianual.

Doutra banda, formulouse a necesidade de levar adiante un convenio cos propios centros públicos no que se permita unha utilización municipal, durante todo o ano, das instalacións educativas fóra do horario lectivo. Este implicaría que o Concello asumiría a xestión integral da utilización de lugares coma os pavillóns polideportivos pola veciñanza, coas mesmas obrigas e responsabilidades dos equipamentos municipais.

No eido da oferta formativa, desde o BNG mostrouse o apoio ás solicitudes dos centros de implantación de novos Ciclos de Mecatrónica Industrial, Atención a Persoas en Situación de Dependencia e Operacións de Laboratorio, e a nova oferta dual do primeiro ano de Laboratorio de Análise e de Control de Calidade. A candidata nacionalista, Carmela Franco, trasladou a necesidade e a obriga municipal de impulsar novas ofertas coa implicación dos diferentes proxectos industriais anunciados para As Pontes, logrando que cooperen desde xa na formación de perfís profesionais para as actividades que se vaian desenvolver na nosa vila. Sinalou tamén a oportunidade de implantar nova oferta ou adaptar a xa existente en relación co proxecto público-privado dunha Unidade de Investigación e Desenvolvemento nos ámbitos da robótica, vehículos autónomos, e sistemas intelixentes, proxecto que o Concello ten conxelado dende vai meses.

Asemade, Carmela Franco comprometeu o traballo colaborativo e coordinado entre o Concello e o IES Castro da Uz no relativo aos cursos para persoas desempregadas, evitando a competencia desleal entre ambos e dando prioridade ao centro nunha oferta que, a xuízo da candidata nacionalista, precísase para atender a previsible demanda das novas iniciativas relacionadas coa transición enerxética.

Por último, o BNG expuxo a posible colaboración dos dous centros na elaboración dunha proposta para integrar ao noso concello nun proxecto de ámbito comarcal, para presentar ao Estado e á UE, relativo á implantación de industrias das tecnoloxías enerxéticas de emisións netas cero e da recuperación de materiais críticos dos residuos industriais.