TRANSICIÓN XUSTA

O BNG das Pontes demanda coordinación na planificación de proxectos industriais e ofrece a súa colaboración

Infraestrutura de Xxxxxx
Poñemos a disposición do goberno local o noso coñecemento e experiencia para dar unha saída á situación

As iniciativas empresariais e industriais anunciadas e prometidas para a nosa vila están atopando importantes trabas para poder levarse a cabo no prazo previsto e necesario. Na planificación electoral do PSOE nas Pontes entra e vale todo. Son coñecidas e populares as pomposas expresións de Formoso, a máis recente de “fame de proxectos” para referirse aos que se están a anunciar para esta nova cita electoral.

Dende que en setembro de 2019 o BNG se responsabilizara da elaboración do Plan Estratéxico de Actuacións no Concello, e como base para o mesmo, desenvolvéronse varios estudos:

  • Habilitación de Chan Industrial e Avaliación Preliminar das Distintas Alternativas”, entregado en decembro de 2019;
  • Área Industrial e Loxística dos Codesás-Portorroibo-O Tesouro”, tamén de decembro de 2019;
  • Potencialidade dos Recursos Enerxéticos de Orixe Renovable nas Pontes”, en novembro de 2020; e
  • Modelos hidrolóxicos e de balance de auga no encoro da Ribeira e o lago das Pontes para a avaliación dos recursos hídricos actuais e futuros para diferentes hipóteses de aproveitamentos hidráulicos, enerxéticos e industriais e para varios escenarios de cambio climático”, en decembro de 2021.

A inclusión de parte da Área Industrial e Loxística -deixando fóra a dos Codesás comprada por Sentury- na segunda modificación do Plan Sectorial de Ordenación das Áreas Empresariais de Galicia provocou a emisión de informes en xullo de 2022. A respecto dos servizos de subministro de auga, a Xunta afirma que “... a ETAP (potabilizadora) actual ten capacidade teórica dabondo para garantir o abastecemento á Área Empresarial, pero debido a problemas non está a traballar a dita capacidade ... Propónse facer unha inspección e análise das causas do problema, así como levar a cabo as actuacións necesarias para abastecer á Área Industrial...”, e que unha alternativa para o saneamento sería a conexión coa EDAR (depuradora) actual logo “... dunha mellora na xestión das augas pluviais...”, ademais doutra comprobacións por non ter “datos dabondo” sobre do seu funcionamento, mais sempre mantendo o punto de verquido actual na Vilabella.

Na actualidade, abril de 2023, Sentury e Ence teñen solicitado concesión da auga do lago a Augas de Galicia que vén de resolver a súa paralización provisional. Con anterioridade xa se tiñan solicitado outras concesións para as dúas centrais de bombeo de Magtel e de Reganosa-EDP, ademais da que tería que facer a planta de hidróxeno verde, tamén de Reganosa-EDP. Todas a solicitan dun lago que ten sinalado un caudal ecolóxico (auga que debe descargar ao Eume) importante por parte da Xunta e que podería complicar a compatibilidade de todos os proxectos, pendentes das axudas públicas e, polo tanto, condicionados ao cumprimento duns prazos, tanto na solicitude como, de ser o caso, na súa execución e posta en marcha para a xustificación.

Entón, por que o goberno municipal do PSOE, que dispón de todos os estudos e informes anteriores, permite chegar a tal situación? Por que no convenio asinado con Endesa no 2015 o PSOE renunciou ás “... redes de subministración de enerxía, telecomunicacións, auga potable e saneamento” a cambio dunha “servidume de paso na cesión por parte de Endesa de Portorroibo e do Tesouro? Que ten feito o PSOE no Concello dende 2019, case que catro anos, para garantir cando menos o subministro de auga aos proxectos sen ter que depender do lago? Non existe alternativa ao Lago?

Para o BNG si, prioritaria e urxente, considerando infraestruturas municipais existentes, algunhas en desuso e abandonadas case dende a súa construción hai máis de 15 anos, e outras na actualidade propiedade de Endesa con alcance ata as novas zonas. O Concello debería ter feito e iniciada a execución dun reforzo dos servizos municipais que son básicos para as novas superficies industriais previstas. Coma o do subministro e saneamento da auga, xunto con outros importantes, nomeadamente os do subministro eléctrico, para o que o Concello debería ter unha descrición, análise e determinación de necesidades da infraestrutura eléctrica actual de acceso, transporte e distribución nas Pontes.

Sería un escándalo e, sobre de todo, unha irresponsabilidade sen límites, non atender ao básico, ao mínimo que precisan para poder instalarse novos e necesarios proxectos, sendo algúns de competencia municipal. O BNG non quere ser parte ou cómplice, polo que dende xa, e como sempre, ten como alcalde actual o noso coñecemento e a nosa experiencia disposta a colaborar para dar unha saída a tal situación, sabendo que existe. Polo BNG non vai ser.