DESDE O GRUPO MUNICIPAL DEMANDAMOS UN PLENO EXTRAORDINARIO PARA A CONVOCATORIA DO COMITÉ DE CRISE DAS PONTES
Foi nunha xuntanza no Concello a mediados de 2019 cando o Comité de Crise, integrado por todas as organizacións políticas, sindicais e empresarias das Pontes, iniciaba a súa andaina para dar resposta conxunta á problemática e preocupante situación derivada do peche da Central Térmica.
Da súa intensa actividade dos tres primeiros anos saíron adiante, entre outras múltiples e variadas propostas, as concentracións e manifestacións na localidade, na Coruña e en Santiago, ata a feita diante do Congreso dos Deputados en Madrid, mentres no seu interior desenvolvíanse reunións con todos os grupos políticos con representación no mesmo, todas elas co respaldo da totalidade da sociedade pontesa, que derivou en participacións históricas.
Non se pode negar que o traballo feito foi quen de, en primeiro lugar, dar a coñecer e socializar a problemática das Pontes, poñendo os focos políticos e mediáticos nela e recoñecendo a súa importancia, e, como consecuencia, obrigando á constitución de organismos de traballo conxuntos entre as administracións públicas estatal, autonómica e municipal, organizacións sindicais e empresariais locais, e Endesa. Outro tema distinto, non positivo, é o funcionamento e o resultado actual das mesmas.
Mais da importante actividade descrita pasouse a unha parálise case que total dende 2022, non por parte dos integrantes do Comité, que levan demandado a súa convocatoria en varias ocasións, senón por quen o preside e ten que convocalo, o Alcalde, que, polas súas intervencións nos medios de comunicación, semella ter acadado o obxectivo ao darse por satisfeito coa situación actual dos anuncios de proxectos, e sentíndose “apenado”, iso si con realismo, cos peches de empresas, EREs, ERTEs, ou cos incumprimentos que deixan atrás aos traballadores e traballadoras condenadas ao paro no inmediato, mais sen alternativas concretas simultáneas ou a curto prazo, de continuidade e con garantías.
Desde o BNG, logo da multitudinaria e diversa participación na manifestación do pasado 23 de novembro, cun seguimento importante de medios informativos estatais e galegos, mais non da tv local, e que non contou co apoio e o respaldo do goberno municipal do PSOE, entendemos obrigada a convocatoria do Comité de Crise para dar continuidade e manter a resposta social, política, sindical e económica a unha problemática que lonxe de ter solución está a empeorar.
Por iso, rexistramos o día 29 de novembro unha petición dun Pleno extraordinario para acordar a convocatoria do Comité de Crise, sesión que deberá celebrase antes do 23 de decembro, prazo temporal máximo que a lexislación lle dá ao Alcalde; de non facelo, o Pleno sería convocado pola Secretaría do Concello para o día 9 de xaneiro.
Aínda que leva esgotado a metade do tempo, o BNG considera que o Alcalde non só deberá facer a convocatoria en prazo, tamén deberá participar no mesmo, rachando coa súa tendencia persoal dos últimos anos de non asistir aos Plenos, tendo en conta a importancia do tema e a posición que está a defender nos medios de comunicación, moi distinta da evidenciada pola xente que participou na manifestación do 23 de novembro.