O deputado no Parlamento galego, Daniel Castro, reúnese xunto a membros da candidatura coa mocidade pontesa
O BNG das Pontes pecha a campaña electoral coa mocidade para presentarlle as súas propostas co fin de mellorar a súa calidade de vida. O deputado no Parlamento, Daniel Castro, interesouse polas súas necesidades e expectativas, á par que amosou o seu apoio ás propostas da candidatura dirixidas a este colectivo.
A nosa folla de ruta pon no centro as necesidades da mocidade, mantendo a súa perspectiva nos principais puntos da mesma. Asemade, contamos cun apartado no que se recollen medidas específicas como a creación do Lar da Mocidade, un espazo para a socialización e o ocio saudable, con actividades, recursos e servizos amplos e que sirva para promover o asociacionismo e as relacións entre a mesma.
Asemade, co fin de facilitar que a mocidade non teña que buscarse a vida fóra das Pontes, incorpórase no programa un Plan de Emancipación Xuvenil no que se esixan contratos dignos e se dote á xuventude de bolsas de experiencia e para proxectos. Neste mesmo plan, recóllese a necesidade de promover o emprendemento e o cooperativismo para reactivar o tecido empresarial pontés con novas iniciativas que se poden impulsar tamén a través dun Banco de Ideas.
Máis alá do programa do BNG para o próximo mandato, as persoas asistentes amosaron a súa preocupación arredor de vivenda, emprego e futuro industrial, transición enerxética, seguridade e mobilidade. Os diferentes membros da candidatura trasladaron as propostas relacionadas con estas cuestións que teñen grande interese entre unha xuventude que maioritariamente queren asentarse nas Pontes.
O parlamentario, Daniel Castro, mostrou total apoio á candidatura das Pontes, poñendo en valor que é “unha listaxe que, ademais de experiencia, incorpora moita mocidade, mostrando que o BNG é a forza de futuro” que terá moito que dicir “nunha vila con gran potencial que merece unha alcaldesa coma Carmela que se preocupe da súa mocidade e das súas necesidades facéndoa partícipe”.
Pola súa parte, Carmela Franco, aproveitou este último acto aberto de campaña para solicitar unha participación masiva da mocidade o domingo e “encher as urnas con ilusión dun futuro no que todas poidamos participar, aportar e vivir aquí” e resaltou o compromiso "dun novo BNG que vai ter no centro todas as vosas necesidades grazas a un equipo con formación e ideas que sabe de primeira man o que precisamos"