CONVERSAS 28M

Diego Balsa: "O rural das Pontes ofrécenos a posibilidade de levar unha vida saudable, baseada no contacto coa natureza e o autoconsumo"

Diego Balsa Bellas, candidato número 4
Diego vén de dar o paso para integrar a candidatura do BNG das Pontes co claro obxectivo de mellorar o noso concello, con especial atención no eido rural e medioambiental

Diego Balsa Bellas (A Faeira, 1991) é maquinista naval adicado á reparación programada de buques mercantes no estaleiro de Fene-Ferrol. Aínda que por diferentes motivos non reside no municipio, o seu fogar é e será A Faeira, e agora que acaba de ser pai fai parte da candidatura do BNG para participar de forma activa no impulso que As Pontes necesita no presente para gañar o futuro.

Por que decidiu dar o paso e formar parte da candidatura do BNG para estas eleccións municipais?
Son afín ó BNG dende a adolescencia, agora con máis madurez e estabilidade creo que chegou o momento de dar un paso adiante e participar activamente. Ademais, todo é máis doado cando te atopas ante un equipo tan heteroxéneo, que cubre a meirande parte das inquedanzas da sociedade. Hai vontade de cambio, xente con ideas claras e contamos con persoas experimentadas na xestión local que nos axuda a canalizar as nosas propostas da maneira máis eficiente

Que necesidades ve nas Pontes? Cal sería a primeira medida que tomaría?
Recuperar o tecido industrial e apoiar o sector primario, para evitar a actual sangría demográfica e a perda de servizos que conleva. O meu maior interese é o medio rural e o medio ambiente, non entendo o un sen o outro. Por iso, e paliar as deficiencias que ten a nosa vila, debemos promocionar o sector primario para repoboar o rural. A gandería e agricultura son actividades extintas hoxe en día no noso concello. Será necesario repensar a política urbanística actual, xa que impide acometer calquera tipo de obra que permita actualizar ou construir instalacións (granxas, naves para almacén de maquinaria, etc.).

Que potencial ten As Pontes?
Na nosa vila hai unha gran tradición industrial, hai moita orientación profesional a gremios básicos para o funcionamento de calquera planta industrial. Iso garante man de obra cualificada para calquera fábrica ou planta que se queira instalar aquí. Hai zonas sobre as que se realizou unha concentración parcelaria, que permite optimizar calquera actividade do sector primario.
Tamén hai espazos protexidos de gran importancia ecolóxica, condición que serve para  proporcionar valor engadido ós productos que se produzan ou recolecten nesas áreas.

Ves de dar o paso para situarte na primeira liña política. Como entendes facer política e como foi recibido na túa contorna que formes parte da candidatura?
Enténdoo como unha loita por mellorar a vida da xente, un servizo altruísta á sociedade no que todos deberíamos participar polo menos durante un período da nosa vida. Sobre o meu paso adiante houbo reaccións diversas. No círculo da miña xeración foi moi ben recibido, ven positiva a entrada na candidatura de caras novas que aporten novas ideas á política local. As outras veñen da xente máis maior, sobre as repercusións que pode ter posicionarse políticamente.

Que aportas a través da túa formación ou personalidade para mellorar a nosa vila?
Unha visión que pretende conxugar a vida tradicional galega cos medios que a tecnoloxía actual pon á nosa disposición. Hai correntes de conservación da natureza que pretenden retornar o rural ó século XIX, volvendo ós carros de vacas e a apeiros manuais, invitándonos a formar parte dun parque temático. O desenvolvemento sostible do rural pasa polo aproveitamento da maquinaria e medios actuais, pero sobre todo pola modernización das instalacións e das ferramentas e dos métodos de traballo.

Acaba de ser pai, que As Pontes che gustaría deixarlle á túa filla?
As Pontes é onde nacín e me criei, non me quero adaptar a outro modelo de vida, sen posibilidade de levar unha vida saudable, basada no contacto coa natureza e o autoconsumo. As Pontes que eu atopei, nin o pobo nin a terra son nosos, só somos usufructuarios, por iso se debe ser cautos co que lle facemos ó solo e ós nosos recursos, para que os que veñan detrás podan aproveitalos da mesma maneira que nós facemos e antes fixeron os nosos antepasados.