CONVERSAS 28M

Emma Lamas: "Quero que a miña filla teña un lugar do que poder sentirse orgullosa; igualitario, inclusivo, seguro e con servizos públicos de proximidade"

Emma Lamas, candidata nº 4
Emma é unha pontesa de corazón que forma parte da candidatura dando continuidade á súa gran implicación cidadá e veciñal

Emma Lamas (As Pontes, 1986), traballadora social, é a garantía de que As Pontes se convirta na Vila dos Coidados, aínda que tamén participa de forma activa no noso ámbito deportivo e cultural. Únese ao equipo do BNG porque quere un cambio con ilusión nas Pontes do presente para termos un futuro para todas en todos os eidos, transformando as necesidades en realidades.

Por que forma parte da candidatura do BNG para estas eleccións municipais?
Foi unha decisión moi meditada e con certos medos pola responsabilidade e repercusión que supón; pero o inconformismo que me caracteriza, a miña participación veciñal e o excelente equipo formado nesta candidatura fixéronme aceptar a proposta e finalmente decidín dar este paso.

Que destacas das persoas que compoñen a candidatura?
O equipo liderado por Carmela impúlsame a acompañala neste proxecto, cargado de ilusión, esforzo, loita, entrega, responsabilidade e compromiso. Temos un equipo diverso e heteroxéneo, con capacidade suficiente para afrontar o gran reto que As Pontes nos presenta: manterse viva e reinventarse. Resaltaría a maiores a cooperación, o respecto e a boa comunicación que existe entre todas as persoas que o forman. Un entendemento imprescindible para acompañar o proxecto liderado por unha muller valente e intelixente que fica a súa mirada segura no futuro que ela quere para As Pontes.

Que necesita As Pontes?
Neste momento, como veciña, podo dicir que a lista de necesidades que eu observo e sinto directamente é ampla, pero resalto o seguinte: necesidades relacionadas co emprego e formación (escaseza ou insuficiencia de oportunidades laborais), sociais (necesidades en aumento ou novas non satisfeitas/non cubertas con servizos públicos), educativas (desatención de colectivos específicos, mantemento de instalacións municipais…), de saúde (deterioro ou perda de servizos mínimos públicos), deportivas (ausencia de xestión deportiva municipal estruturada e planificada), de participación (ausencia de consulta á veciñanza para a toma de decisións sobre o pobo), culturais (desatención á nosa tradición e valores culturais como galegos/as), de seguridade cidadá, de conservación do patrimonio propio e do noso rural… Como necesidade xeral podería dicir que detecto unha falta da planificación e coordinación das actuacións municipais no seu conxunto, tomando decisións independentes, non cohesionadas e non consultadas á cidadanía que provocan unha posible deficiente xestión dos orzamentos públicos dos que todas somos parte.

Cal sería a primeira medida que tomarías?
Realmente xa a estamos tomando, estarmos aquí presentes como equipo preocupado e comprometido co pobo presentando novas propostas para cubrir as necesidades que levamos anos detectando e vivindo. De xeito mais concreto, e en consonancia coas necesidades indicadas na pregunta anterior, debo resaltar como medida urxente e prioritaria a necesidade de creación de emprego. Para garantir que a vila siga viva, manteña o talento, non decreza e que poi damos satisfacer a maioría das nosas necesidades básicas debemos loitar por poder manter unha vida aquí, tanto para as persoas máis novas como para as de mediana e maior idade.

Que potencial ten As Pontes? 
As Pontes é un concello moi rico en todos os seus niveis. É unha vila cun destacable pasado que asenta gran capacidade de desenvolvemento socioeconómico nos diferentes sectores de actividade, principalmente industrial. O seu emprazamento estratéxico, a súa extensión e recursos brinda unha gran oportunidade para o asentamento de novos proxectos . Outro factor importante é a calidade do capital humano que As Pontes foi xerando e continúa xerando na actualidade pero que por desgraza non pode ficar aqui por falta de oportunidades.

Por que queres vivir aquí?
Tal e como me presento na candidatura, eu son pontesa de corazón. Sempre estiven orgullosa de selo e así o fixen saber por todos aqueles lugares polos que pasei, compartindo a miña paixón polo pobo. Un pobo no que moitas tivemos unha infancia e adolescencia inmensamente feliz, cos mellores coidados e coa adquisición de valores de esforzo, independencia, traballo, respecto, cooperación… asentados na realidade da oportunidade que se nos brindaba como vila pero sempre cos pés na terra, agradecidas e non esquecendo de onde vimos. Eu quero vivir aquí porque é o que desexo dende nena e máis agora que xa son nai e así llo quero transmitir á miña filla. Porque realmente un lugar coma este faime feliz como persoa adulta. Vivir nunha vila tranquila que cubra as necesidades da veciñanza e onde poder ter liberdade para ser, medrar, estudar, traballar, compartir, formar unha familia…para min é máis que suficiente.

Como entendes ti a política?
Para min a política significa representar e acompañar á veciñanza dun lugar para a loita polo seu benestar xeral, calidade de vida e dereitos, tanto individuais como colectivos. O quefacer político debe caracterizarse, desde o meu punto de vista, pola transparencia, a responsabilidade, a confianza e a participación.

Como foi recibido na casa ou polas amizades que formaras parte da candidatura?
Teño que recoñecer que teño o mellor entorno que me podía tocar. Tanto familia como amizades, respectan, apoian e acompañan sempre as miñas loucuras sen cuestionamentos. Algún consello cae, iso sí, pero o respaldo é absoluto.

Que trazos da túa personalidade ou formación aportas para gobernar as pontes?
Considérome unha persoa esixente, perseverante, empática, comprometida e responsable. Aporto unha doble visión: realista como veciña que vive e participa activamente na vida pontesa (desde a infancia ata a etapa adulta) e de sociedade, por profesión dende fai máis de 15 anos (traballadora social) como coñecedora directa das necesidades reais da poboación.

Que As Pontes che gustaría deixarlle á túa filla?
Un lugar onde poder quedarse a vivir e a traballar se así o desexa. Un lugar do que poder sentirse orgullosa, un pobo igualitario, inclusivo, libre, seguro, responsable e con garantía de acceso a recursos e servizos básicos públicos de proximidade que permita o seu benestar presente e futuro.