PROPOSTAS 2023-2027

Establecer pontes coa cultura e co patrimonio na nosa vila

As nosas iniciativas para reactivar a cultura local
As Pontes precisa tecer unha rede cultural e patrimonial máis forte e participativa

O noso programa de goberno conta tamén cun apartado adicado ao impulso da rede cultural municipal e sobre da recuperación e posta en valor do noso patrimonio. Son varias as propostas urxentes que habería que acometer para poder impulsar estas dúas áreas para ter pulo e facer partícipe dela a veciñanza. Todas estas iniciativas deben ter en conta sempre o rural, con programación periódica que vaia máis alá da que realizada con fins electoralistas e que teña en conta a súa demografía e intereses para adaptar a oferta.

No eido cultural, é urxente reubicar de xeito definitivo a Biblioteca Municipal Rivera Rouco nun espazo funcional. Este debería contar con todas as facilidades, adaptada para un público diverso. Unha biblioteca é o espazo que máis valor ten nunha vila, nunha cidade, e como tal debe contar cos equipamentos necesarios que fomenten a nosa sabiduría e creatividade. Por iso, débese contar cun espazo separado, insonorizado e delimitado da zona de estudo e de lectura, ademais de contar cunha ampla zona infantil. Asemade, é preciso incorporar unha sala de conferencias e actos para albergar a alta actividade lúdica e cultural impulsada desde a propia biblioteca. Para facilitar e fomentar o proceso innovador e investigador na nosa vila, á que van chegar importantes proxectos destas características, a biblioteca debería contar cun espazo destinado á investigación e outro para o arquivo.

Máis alá da Biblioteca, As Pontes debe volver a contar cos prestixiosos certames culturais e literarios como o das Boliqueiras, o premio Uxío Novoneyra ou o Festival de Entroido. De feito, vese preciso volver contar de forma activa e planificada coas diferentes asociacións culturais que temos na vila para tecer unha rede que promova a cultura de base e participativa na que teña importancia a nosa identidade local e galega. Por último, isto ten que ir guiado pola reactivación da Área da Normalización Lingüística municipal que poña fin ao desleixo que existe desde o Concello coa nosa lingua.

Malia que pode ser das poucas áreas salvables do goberno actual, é preciso continuar e reforzar algunhas das iniciativas postas en marcha nos últimos anos. Valoramos positivamente a chegada de iniciativas culturais de renome na esfera galega e estatal. Non obstante, é necesario acometer melloras no auditorio do Cine Alovi que permitan, por exemplo, aproveitar este espazo para proxectar as estreas e continuar por este sendeiro. Asemade, vese preciso mellorar a oferta cultural no segmento da mocidade adolescente e posadolescente para facela máis atractiva, contando sempre coa súa participación para coñecer os seus gustos e intereses.

Poñer en valor o patrimonio

Unha área que semella totalmente olvidada polo goberno actual é a do patrimonio. O PSOE está enfocando o atractivo turístico da nosa vila cara un modelo fast food de baixa calidade. Tendo en conta a nosa riqueza patrimonial, resulta triste ver como non se está a impulsar nin a poñer en valor desde ningunha das áreas que ten o goberno municipal na actualidade.

Iniciativas do BNG das Pontes para recuperar o noso patrimonio

Por iso, desde o BNG propoñemos elaborar unha planificación turística de calidade aproveitando todo o noso dinamismo patrimonial, natural e industrial. Por iso, vese preciso poñer en marcha unha rede museística municipal diversa e adaptada para todos os gustos e interese coa posta en marcha dun museo da Minaría, da Enerxía, da Arqueoloxía, da Memoria... para ir máis alá da beleza en si e xerar e compartir coñecemento. Nesta área queremos destacar que o modelo actual está a deixar estes factores de lado. O último, a non solicitude esta semana por parte do Concello dunhas axudas da Deputación con este fin. Isto únese ao desleixo con esta rede museística logo de anos de promesas sobre o museo da Minaría e o desfile de todo o corpo ministerial por As Pontes que só nos deixa unha exposición temporal doada por un veciño en Saa.

Doutra banda, debemos demandar un Portal de Entrada ás Fragas do Eume como si teñen noutros concellos que forman parte do Parque Natural e recuperar todos os elementos patrimoniais que ten o noso municipio. Isto xiraría arredor da posta en valor de fontes, cruceiros, fontes, lavadoiros, mámoas, fervenzas... que sirvan tamén para xerar un atractivo turístico no noso rural e colaborar na diversifación económica cun turismo sostible e de calidade.