O goberno do PSOE: máis caro pese á baixada das concellerías
Logo de moita espera, vénse de celebrar hoxe o Pleno de Organización do Concello tralas eleccións do pasado 28 de maio. Nel, o PSOE repartiu salario para todas as súas concelleiras, supoñendo 228.545,58 euros anuais en total, un 12% máis que no anterior mandato, demostrándose que as súas non son listas electorais, senón de emprego.
Agás o alcalde, que xa cobra da Deputación, as outras 6 concelleiras do PSOE van ter salario, que van ir dende 47.460 euros/anuais a 35.595 euros/anuais. Ademais, van contratar tamén un asesor/a cunha retribución de 26.268 euros/anuais.
A todas estas retribucións salariais debemos engadirlles, loxicamente, o gastos sociais correspondentes, dando como resultado que, nunha lexislatura, os cargos do PSOE van supoñer moito máis dun 1 millón de euros. Que necesidades se poderían ter cuberto mantendo unhas asignacións acordes ao que se fai no resto de concellos?
Estamos ante un caso único en Galiza, non existe ningún outro Concello deste nivel de poboación (nin Concellos de máis poboación), con tantos concelleiros/as cobrando e aínda menos con estes salarios. Todo nunha vila indo a menos na que as concelleiras do PSOE cobran cada vez máis, con aumentos dende un 15% ata un 97% que superan o IPC acumulado, e sen relación algunha coas responsabilidades e tempos de dedicación.
Pese ao toque de atención da veciñanza nas urnas o pasado 28 de maio, o PSOE mantén os comportamentos de sempre. Nós seguiremos a facer unha oposición responsable e a traballar polo futuro das Pontes.