CONVERSAS 28M

Nicolás Pena: "Logramos unha candidatura diversa que responde a tres facetas: compromiso, ganas e solvencia"

Nicolás Pena, responsable local do BNG
O responsable local do BNG das Pontes, Nicolás Pena, destaca a pluralidade na candidatura da forza nacionalista cara o 28M e incide na importancia do "aire fresco" chegado ao partido e na incorporación de novas voces e ideas.

Nicolás Pena (Monfero, 1967) é o responsable local do BNG das Pontes, unha das persoas máis implicadas no funcionamento orgánico e interno da organización. Ás portas do comezo da campaña electoral para o 28 de maio, repasamos como chega a candidatura aos comicios, as necesidades e propostas que ten para a nosa vila e tamén cales son as súas expectativas.

Como foi o proceso de elaboración da listaxe para as eleccións municipais?
O noso obxectivo era atopar persoas dispostas a tirar do carro que se axeitaran ao perfil que se buscaba con tres premisas claras: compromiso, ganas e solvencia. A maiores, queríase dar importancia á xuventude e tamén introducir xente nova no noso campo política. Que fose Carmela a candidata axudou moito, xa que ela lidera un grupo de persoas que, con ganas e dispoñibilidade, deron o necesario paso cara adiante. Así conseguimos traer xente de fóra do partido, que ten simpatía e que aporta. Ademais desas tres facetas, todas queren ter posibilidades, que As Pontes sexa un sitio no que poder vivir e no que poder continuar a desenvolver os seus soños e ilusións.

Agardaban conseguir esta candidatura?
Somos un partido de portas abertas no que todo o mundo pode participar, sexa do xeito que sexa. As persoas que queiran integrarse pódeno facer e as que non, poden colaborar, cada un decide como pode aportar. O máis importante é que logramos unha candidatura composta por moitas persoas independentes que non proveñen do eido político, que mestura xuventude e experiencia, para aportar e representar o que As Pontes precisa.

Cal está a ser a resposta da veciñanza ante a candidatura do BNG?
Cando se fixo pública a candidatura nas Pontes recibiuse con esperanza. Coa esperanza e ilusión de ver xente nova que se implica en lograrmos un futuro mellor. Ademais, seguimos contando con persoas con veteranía que siguen aportando e saben de onde se vén. Persoas coma Chus ou Kiko son indispensables para poder chegar a bo porto. Con todo, hai xente que di que “a renovación había que facela total”, pero eu creo que non se pode facer unha renovación sen atender ás raíces. O que a min me chega é que xente fala de xente nova e de xente implicada e é todo un logro ter esa capacidade de xenerar ilusión. Agora só falta que se transformarse en resultados.

Que expectativas teñen para o 28M?
O noso obxectivo principal é poder incidir na xestión que se está a facer por parte do goberno municipal actual e reconducir o rumbo das Pontes, marcar un novo camiño. É un treito de longo prazo, pero o importante agora é poñer a andar o Concello e acabar coa deixadez que existe nun goberno que vén sufrindo un claro desgaste. Non podemos ser ilusos e pensar que imos arrasar, pero temos que conseguir que o PSOE local non acade a maioría absoluta e ter a maior capacidade de influencia posible. Con todo, de seguir nunha situación similar de cara ao próximo mandato, seguiremos exercendo o noso papel de fiscalizadores como ata o de agora, pero a nosa vontade é a de ser goberno, somos a única alternativa posible.

Cales son as propostas máis importantes que se teñen que levar a cabo nas Pontes?
As propostas teñen que ver coas necesidades que nós detectamos e que nos chegan desde a propia veciñanza. Para iso temos un programa que se desenvolve en tres áreas principais. A primeira, a das persoas, na que recollemos, por exemplo, o noso modelo de fogar das persoas maiores ou tamén a creación dun espazo para a xuventude. Na área institucional, precisamos axilidade. Aquí tramitas unha licencia e tardas dous anos para poder algo, por algo non hai nin unha soa grúa en todo o municipio. Tamén queremos transparencia, xa que a xestión das axudas cónstanos que é opaca e hai oscurantismo. Logo, precisamos recuperar e instaurar os servizos públicos de calidade, como poden ser a OMIC, a recadación, os servizos sociosanitarios ou a policía local. Por último, temos a área dos recursos. Turísticos, emprego, industriais... moitas destas cousas non dependen da administración municipal, pero temos que xestionar coas que teñen as competencias para que estas actúen. Nestas necesidades enmárcase o máis importante, a Transición Xusta é fundamental, co noso noo de evacuación. Asemade, para poder complementar todo, atopámonos nun proceso de escoita que coa veciñanza para recoller as súas demandas.

Que aporta o cambio no liderado do partido?
Significa un cambio da indivudualidade ao colectivo. Somos un grupo plural, cada quen coas súas inquedanzas e necesidades, pero todos partimos dalgo que é común, queremos vivir aquí. Todo o que poidamos facer en equipo é mellor, aportando aire fresco e ideas novas. Temos uns veciños e veciñas con necesidades específicas e aínda que a nivel da vila aínda se foron facendo cousas, nas aldeas todo foi para baixo. Por iso, o cambio de liderado implica ilusión e un novo xeito de traballar.

Por que decidiches dar o paso de asumir a responsabilidade local?
Penso que foi Carmela quen me propuxo no seu día e logo someteuse a designación á Asemblea Local. Eu asumo o cargo coa ilusión e a responsabilidade de aportar ao colectivo. Somos un equipo e a min tocoume este posto como me puido ter tocado calquer outro.

Que características da túa personalidade destacas para poder ter este posto?
Caracterízome pola miña tolerancia, respecto e talante, con toda a fe para conseguir as cousas que nos propoñemos. O camiño non é doado, pero con paciencia lograrémolo. Estas son as bases que me permiten poder integrar esta Asemblea Local, na que participan persoas diversas e comprometidas.