PROPOSTAS 2023-2027

As Pontes: unha Ponte co Rural nun Concello Verde

Propostas para o rural
Levaremos o noso rural ao presente e faremos das Pontes un concello referente da sustentabilidade que aproveite todos os seus recursos a prol do planeta

As Pontes é o concello máis extenso da provincia da Coruña e conta, polo tanto, cun amplo e diverso territorio rural e, a diferenza doutros concellos da contorna, ten un centro urbano perfectamente definido que centraliza os servizos da poboación. Agora é o momento de levar o rural ao presente e descentralizar estes mesmos servizos, facéndollos chegar a todo a veciñanza para mellorar a súa calidade de vida e fixar poboación.

Contaremos cun amplo catálogo de servizos de proximidade que fagan do noso rural un lugar atractivo no que vivir. No noso modelo da Vila dos Coidados recolleranse unha serie de servizos sociais a domicilio que terán en conta as especificidades das nosas parroquias, ao mesmo tempo que se proporcionarán actividades periódicas de carácter deportivo, cultural e de lecer, propiciando lugares de encontro para combater a soidade e o illamento, para o que tamén se levarán a cabo accións concretas. A loita contra a fenda dixital é tamén un punto fundamental no noso plan de goberno e reactivaremos as aulas dixitais nas que mediante a colaboración veciñal e o soporte do Concello se realicen labores de formación e acompañamento.

O mandato que comeza ten que ser no que se leve a cabo por fin o noso PXOM. Nel o rural debe ter un papel diferenciado, tendo en conta as súas especificidades e por suposto facendo partícipe á veciñanza. Nese senso, para poder fixar e atraer poboación, crearase un banco de vivenda e fomentarase o transporte a demanda para mellorar a mobilidade de xeito eficiente, sostible e inclusivo para todas aquelas persoas que o precisen.

 Nas xuntanzas mantidas coas asociacións veciñais nas últimas semanas, moitas das queixas xiraban arredor do estado de abandono de moitas vías municipais. En moitos deses lugares, era habitual ver, agora, en pleno período electoral, a maquinaria dándolle un lavado de cara a algunhas desas vías. Por iso, desde o BNG das Pontes realizaremos un Plan Anual Municipal de Conservación e Mantemento das Infraestruturas Municipais xa que estamos ante accións que non poden agardar catro anos. Asemade, realizarase unha dotación orzamentaria específica para o rural e individualizada por parroquias.

As Pontes Verde 

As Pontes debe converterse nun referente en sustentabilidade impulsando o seu verde e o seu azul. Todo o noso programa de goberno inclúe unha acción transversal de transición ecolóxica xusta, pero tamén se contemplan accións específicas que recuperen e poñan en valor o noso medio ambiente, mellorando a calidade de vida da veciñanza e actuando tamén como reclamo dun turismo de calidade.

Propostas medioambientais. BNG das Pontes

 

Somos unha vila natural na que destaca o noso azul, cos ríos, encoros e o Lago. O río Eume, especialmente no seu tramo urbano, quedou totalmente abandonado. O Concello tense que poñer de novo de cara ao Eume, poñelo en valor, realizando labores de mantemento periódicas e continuando coa senda urbana que discorre pola súa contorna. Doutra banda, no noso plan para converternos na Vila da Auga, é tarefa urxente rehabilitar os nosos encoros para permitir un aproveitamento lúdico e deportivo.

O Lago é un dos grandes reclamos turísticos do noso municipio e, como tal, precisa incorporar xa un Plan de Usos no que se defina unha estratexia clara a medio e longo prazo. Ese enclave non pode seguir suxeito á improvisación, sobre todo nun momento no que existen varios proxectos industriais que teñen vinculación directa ou indirecta con el. Por iso, débense pautar actuacións e propostas concretas nas que se defina o camiño a seguir para o noso Lago.

Por último, ademais de aproveitarmos o resto de recursos renovables, temos que emprender a senda cara a sustentabilidade sacando partido dos nosos residuos construíndo unha planta de biogás. Nun recente estudo sinálase que a posta en marcha desta infraestrutura permitiría xerar enerxía suficiente para nutrir o abastecemento dos edificios e do alumeado eléctrico públicos.

As Pontes merece que o noso rural e o noso medio sexan tidos en conta, levándoos ao presente aproveitando todas as súas potencialidades.