Presentamos no Alovi ante máis de 300 persoas o noso programa de goberno
Máis de 300 persoas arrouparon o BNG das Pontes na presentación do programa no Acto Público Aberto celebrado no cine Alovi este venres. As asistentes coñeceron de primeira man as nosas propostas para o período 2023-2027 da man de Emma Lamas, Diego Balsa e a candidata á alcaldía, Carmela Franco.
O acto estivo presentado por Alba García, que resaltou "a forza da mocidade nunha candidatura encabezada por unha muller talentosa, comprometida e preparada coma Carmela". Seguiuna Diego Balsa, quen incidiu na importancia de "tender unha ponte co rural e levalo ao presente cos servizos públicos de calidade que merece, non queremos ser un parque temático".
Emma Lamas presentou o programa da candidatura para "converternos na Vila dos Coidados, igualitaria, inclusiva, feminista e diversa" e destacou que "o cambio é posible, cun equipo valente e con ilusión que se enfronta ao reto que nos toca vivir".
Os membros da candidatura estiveron acompañados polo alcalde de San Sadurniño, Secundino García, que puxo en valor o "éxito do modelo BNG concello a concello" e asegurou que "hai posibilidades reais de gobernar As Pontes cun equipo completo e diverso".
A rolda de intervencións foi pechada pola candidata á alcaldía, Carmela Franco, que volveu poñer en valor o seu equipo e resaltou que "somos as veciñas que queremos mudar o presente para gañarmos o futuro". Asemade, destacou a boa "experiencia escoitando as propostas da veciñanza, prometendo poñer o corpo por iso e polo futuro das Pontes".
A candidata aproveitou a alta afluencia para comunicarlle ás asistentes que "nos poñades cara, que contedes con nós para calquer cousa que precisedes, poñades onde nos poñades despois o día 28" e reincidiu en que "eu só quero vivir aquí, aspirar a poder seguir dicindo con orgullo que son veciña das Pontes".
O acto estivo amenizado polo grupo pontés Arrivederci, formado por Sara, Eloís e Carla, que versionaron varios temas en galego e provocaron algúns dos momentos máis emotivos da cita. Ademais, ao comezo do evento produciuse a estrea do spot oficial da campaña que será difundido en redes nos próximos días.
Este acto enmárcase nas diversas xuntanzas sectoriais e xeográficas que vén mantendo a candidatura nas últimas semanas e que proseguirán nesta recta final cara o 28M. O BNG das Pontes quere seguir sumando apoios, presentando propostas e recollendo demandas da veciñanza para ofrecer o mellor para o concello.
.