ENCONTROS COA VECIÑANZA

A Casilla solicita ter un tratamento urbanístico especial

AVV A Casilla
A veciñanza demandouno no noso encontro pola súa proximidade ao poboado das Veigas

O BNG das Pontes manten a súa terceira xuntanza aberta coa veciñanza dos distintos barrios e parroquias do concello. Convocadas pola asociación veciñal do barrio, veciños e veciñas da contorna da Casilla realizaron diferentes aportacións concretas sobre das súas necesidades.

Neste encontro resaltouse de forma especial a necesidade de ter en conta as especificidades do barrio para contar cun tratamento urbanístico diferencial. A veciñanza solicita que, dada a súa localización entre o poboado das Veigas e o Lago, A Casilla merece contar con esa atención especial para quedar integrado no resto do casco urbano.

O BNG, que leva no seu programa o compromiso de iniciar o PXOM, terá en conta esta demanda para rehabilitar a contorna da Casilla. De feito, non se entende que non se aproveitara xa a obra que se está a levar a cabo nas Veigas. Por iso, incluirase esa demanda no noso programa de goberno, igual que o tratamento especial da zona vella da Vila ou das diferentes parroquias que compoñen o termo municipal.

Os membros da candidatura presentes na reunión, Carmela Franco, Chus Romero, Kiko da Silva, e Alba García, resaltaron, ademais desa cuestión específica, as súas propostas ante a posibilidade de non aproveitaren a Transición Xusta e tamén incidiron na mellora do Lago, cunha medida tan sinxela como establecer un plan de usos.

Realizouse unha fiscalización do goberno local, onde a veciñanza se percibía cansa de promesas que non chegan a porto. A candidata á alcaldía, Carmela Franco recolleu a indiganción e sinalou que “nós, como xeración, xa estamos cansas de tantas promesas e non vimos a iso, queremos gobernar para aproveitar as oportunidades que se nos presentan e facelo escoitando á xente e fomentando a súa participación” .

Ao longo desta semana, diferentes membros da candidatura achegaranse ata As Veigas, Goente, A Faeira ou Ribadeume para seguir intercambiando ideas coa poboación local.