O BNG das Pontes mantén unha reunión con Cohempo e Seara para trasladarlles a problemática de quedarmos sen Concurso de Transición Xusta
A xuntanza dálle continuidade ás mantidas anteriormente para falarmos dos nulos avances levados a cabo polo goberno local neste eido
O BNG das Pontes vén de manter unha reunión coas xuntas directivas das asociacións empresariais Seara e Cohempo co gallo de desmontar a versión oficial do Instituto de Transición Xusta e do PSOE local sobre o Concurso de Transición Xusta e trasladar, máis unha vez, a preocupación ante estas problemáticas que enfronta a nosa vila.
Mentres que se nos vendeu no seu momento que o Concurso era a gran oportunidade e fortaleza para a nosa vila, agora dinnos que cando peche a central non imos ter capacidade para concursar cos nosos 1400 MW. Segundo os datos oficiais, dos 23 nós de acceso existentes no Estado, a tan só cinco se lles anula a posibilidade de Concurso, sendo un deles As Pontes.
A candidata á alcaldía das Pontes, Carmela Franco, expón que “precisamos comprometer os proxectos industriais co Concurso de Transición, superando xa os anuncios para obtermos o mesmo trato que outras zonas coma no caso de Andorra”.
Nesta xuntanza, desde o BNG evidenciouse a necesidade do concurso, a preocupación pola situación actual e a demanda de solucións urxentes. A nosa candidatura amosa o seu compromiso firme para reclamar que o Concurso se leve a cabo e poder construír o futuro da nosa vila con garantías.