CONVERSAS 28M

Chus Romero: "Gustoume o proxecto que Carmela me presentou para As Pontes e o gran equipo que compón a candidatura"

Chus Romero, candidata nº 3
Chus é unha das persoas que aporta a dose de experiencia nesta candidatura. Con formación no eido económico, aporta traballo e compromiso coa súa vila

Por que integra esta candidatura e que destaca dela?
Gustoume o proxecto que Carmela me presentou para As Pontes. Ademais, ao coñecer o resto de candidatos e candidatas da lista foi fácil dicir que si. A candidatura é unha mistura de xente con experiencia e xente nova moi preparada, con moita ilusión, traballadora e con ganas de mellorar As Pontes.

Que necesidades dirías que ten a día de hoxe As Pontes?
A maior necesidade de As Pontes neste momento é xerar emprego para que a xente non teña que marchar. Para iso é preciso conseguir que se asenten proxectos, o que implica dispor de chan industrial e dárlles todas as facilidades. Necesitamos xa un Fogar para as nosas maiores, onde poidan ter satisfeitas todas as súas necesidades. Doutra banda, precisamos contar con ciclos formativos novos vencellados ás industrias que vaian chegar e atender as demandas da xente moza e do rural.

Cales son as áreas que che despertan maior interese e que medidas propós para elas?
Pola miña formación a área que máis interese me desperta é a económica, pero tamén me gusta todo o referente á educación e ao rural. En canto a medidas concretas diría que é preciso mellorar a xestión, para non perder axudas ás que se pode optar e para que os orzamentos se executen na súa totalidade. No referente á educación, a formación ten que axeitarse ás demandas das empresas, o que implica que exista unha coordinación entre tódolos axentes implicados (centros educativos, empresas, Concello, etc.) No tocante ao rural, hai que dotalo de servizos que fagan que se asente poboación, tanto básicos, coma os vinculados coas novas tecnoloxías e tamén dinamizalo con oferta cultural e deportiva.

Desde a túa formación, que valoración fas da situación económica das Pontes?
Non cabe duda de que a situación económica do Concello é boa, cun remanente de 5 millóns de euros. Pero isto pon de manifesto a mala xestión do equipo de goberno. Non pode ser que teñamos remanente e que queden parte das obras e servizos contemplados no orzamento sen executar ou sen cubrir.

Que é para ti a política?
Para mín o política é o servizo ao pobo. Poñer o teu saber e o teu traballo ao dispor dos teus veciños e veciñas. Se a eles lles vai ben, a ti tamén che irá ben.

Que obxectivos te marcas para a cita electoral deste domingo?
Cando un se presenta a unhas eleccións o seu obxectivo é gañar. Son consciente de que é difícil acadar o obxectivo pero isto significaría que a veciñanza confía en nós e no noso proxecto. En todo caso, é preciso acabar co goberno de maioría absoluta do PSOE. Nestes momentos precísase un goberno capaz de escoitar as propostas dos partidos da oposición, sendo capaces de traballar xuntos para afrontar os retos que nos agardan.

Que é para ti o orgullo pontés?
A onde vou presumo sempre de ser das Pontes. Para min non hai mellor sitio para nacer e para vivir, aquí están as miñas raíces e aquí quero seguir. Gustaríame que As Pontes fose para a miña filla unha vila de oportunidades, onde poida medrar como persoa e ao que tamén contribúa a mellorar.