LOCAL

Formoso e a utilización das Pontes como trampolín

Formoso trampolín
O actual alcalde, Formoso, volve presentarse como candidato pero non representa ese cambio necesario e só busca manter os seus tres cargos. O BNG ten un equipo renovado e ilusionante para construír o futuro que merecen os habitantes de As Pontes e ofrecer o cambio que a vila precisa.
Formoso e a utilización das Pontes como trampolín

Logo do anuncio “sorpresa” do pluriempregado alcalde de que se vai presentar ás eleccións municipais, o BNG das Pontes atópase na mellor posición posible para afrontar e ofrecer o necesario cambio que vén reclamando As Pontes nos últimos anos. Un equipo renovado, implicado, con ganas e con ideas que ten a clara aspiración de acadar o goberno e ofrecer o demandado cambio.

Ninguén mellor ca Formoso representa ese modelo que leva quince anos cortándolle as ás e o potencial que ten a nosa vila para ser a referencia industrial, social e enerxética que no seu día foi. E ninguén mellor ca o BNG para poder, primeiro, cumprir as aspiracións de Valentín de ter que deixar de presentarse a unhas eleccións das que non mostra interese, e segundo, levar a cabo esa transformación e impulso que pide unha As Pontes necesitada de futuro, de expectativas e de realidades.

O PSOE tentou xogar coa sorpresa e posicionar (sen éxito) posibles candidatos e candidatas para as eleccións locais do próximo 28 de maio. Porén, o pluriempregado alcalde tivo que volver “sacrificarse” para presentarse á alcaldía das Pontes. Logo de case tres lustros de goberno e con oito dedicacións exclusivas, o executivo local non é quen de presentar unha candidatura solvente sen ter que recorrer á cara visible que aproveita o espazo mediático e o poder económico para exercer a súa influencia.

Que Formoso sexa candidato non fala dun acto de amor cara As Pontes nin se basa en ningunha pretensión máis que en que non hai ningún membro do seu equipo que poida ser capaz de encabezar a lista socialista. Só hai incompetencia, mostrada tantas veces, a última, por exemplo, na perda das millonarias Axudas de Transición Xusta.

O pluriempregado alcalde volve facer o que antes criticara de Feijóo. Hai xusto un ano, Formoso dicía nunha rolda de prensa que “Feijoo di que ama e quere vivir en Madrid. Decidiu que Galicia non é a súa prioridade no peor momento” (17 de marzo de 2022). Agora, un ano despois, e coa aspiración de manter os tres cargos, Formoso ten a cabeza posta nas leas internas do seu partido, a nivel nacional e a nivel municipal, na vez de contribuir a axudar a As Pontes e facela prioridade no seu peor momento.

Di que a súa prioridade é traballar desde a nosa vila pola transición enerxética en Galicia cando a única tarefa que tiña que facer, reclamar o Concurso de Transición Xusta no que os nosos 1.400 MW e o seu uso nun concurso de proxectos con garantías e certidumes e con vantaxes para As Pontes a cambio, non eólicos a cambio de nada, pasen a formar parte doutro proxecto enerxético; non foi quen de levala a cabo no seu partido. Cando tés a cabeza e as ambicións postas noutras prazas, non podes pedir e reclamar segundo que.

O exemplo práctico, máis alá das dúas últimas lexislaturas sen pisar un pleno e instalando a oficina do alcalde nos locais de hostelería ponteses, foi este mesmo este sábado. Logo de anunciar a súa candidatura un día antes, non mencionou nin unha soa vez a palabra As Pontes na convención autonómica sobre as municipais do PSdeG. Onde vai o de “As Pontes primeiro”? Onde está ese Valentín? “As Pontes que queres” para el só son un trampolín.

Atopámonos nun momento trascendental, nun punto de inflexión no que a nosa vila pode volver despertar o orgullo dos que aquí vivimos ou seguir sumida na depresión socialista. O BNG está a traballar nun equipo e nun proxecto ilusionante, de presente e de futuro, con persoas da sociedade civil e mozas que teñen ganas, ideas e toda a forza do mundo para construírmos ese futuro que merecemos.

O BNG non se aferra a un candidato ou candidata, somos un equipo, somos a forza desa maioría social que está farta de ir sen rumbo, de promesas e quere garantías. Levamos tempo preparándonos e traballando desde a oposición para ofrecer unha alternativa real e de goberno que se materialice o próximo mes de maio que transforme e mellore as nosas vidas.

 

Formoso e a utilización das Pontes como trampolín