TRANSICIÓN XUSTA
As Pontes queda sen as axudas de Transición Xusta
As Pontes, 11 de febreiro de 2023. As Pontes queda fóra da resolución provisional das axudas para proxectos vinculados á transición enerxética. O Instituto para a Transición Xusta vén de publicar a resolución provisional na que as propostas presentadas polo Concello atópanse como “inadmitidas por falta ou defecto en documentación obrigatoria”.
Na nosa zona de Transición, Moeche recibe 1,1 M€ para o seu Centro de Desenvolvemento Económico e Social e As Somozas case 1 M€ para Vivenda Social e Equipamento Sociocomunitario. Mañón, por exemplo, percibe nesta convocatoria 0,3M€ para unha Residencia de Maiores, un proxecto moi demandado na nosa vila.
Mentres, As Pontes, que alberga a oficina técnica de soporte e a central que pecha, fica provisionalmente sen axuda para os dous proxectos presentados e dos que non coñecemos detalles: o Parque da Memoria ‘Toxo Verde’ e o da Escola de Aprendices.
A voceira local, Carmela Franco, solicita que “se corrixan, de ser aínda posíbel, os erros para poder optar a estas axudas porque As Pontes non se pode permitir seguir perdendo os trens que se lle presentan. Aínda que non coñecemos os proxectos nin compartimos as prioridades do goberno local, non podemos renunciar a estas compensacións que melloran a vida da nosa veciñanza”.
Na anterior convocatoria, As Pontes tivo axudas por máis de 1,2M€ para tres proxectos e doce novos empregos e renunciou a máis de 0,7M€ de dous dos proxectos e á metade dos empregos previstos. O noso pluriempregado alcalde debe dar explicacións, depurar responsabilidades entre as 8 dedicacións exclusivas e deixar de sacar fotos porque, á vista está, non teñen ningún resultado positivo para As Pontes.