MUNICIPAIS 28M
O BNG das Pontes presenta a súa candidatura para o 28M ante un auditorio cheo
Carmela Franco reivindicou o seu proxecto como "a única forza capaz de construír unha alternativa de todas e para todas, recollendo o descontento para transformalo nunha vila de futuro”
A parlamentaria Noa Presas amosou o seu apoio e entusiasmo coa listaxe presentada pola Asemblea Local e reivindica o "modelo BNG" que se adapta a todos os concellos
O BNG das Pontes presentou no auditorio da Casa Dopeso ante máis de 150 veciñas e veciños as 23 persoas que compoñen a candidatura para as eleccións municipais do 28M. A candidata a alcaldía, Carmela Franco, destacou as fortalezas e capacidades do equipo mentres que a deputada no Parlamento galego, Noa Presas, pronostica unha suba importante e necesaria do Bloque na vila das Pontes.
A candidata á alcaldía, Carmela Franco, realizou un emotivo e ilusionante discurso no que falou individualmente das capacidades das persoas candidatas e agradeceu a súa implicación. Fixo un percorrido pola súa militancia política e implicación con As Pontes para explicar o paso adiante cara a este 28M, que se fundamenta nunha frase que levantou aplausos: “eu quero vivir aquí, ter oportunidades, e que as nosas fillas e fillos no futuro poidan ter unha vila digna”.
A intervención de Carmela rematou reivindicando o traballo do partido e o compromiso de levar ao goberno o feito e dito todos estes anos. “Imos facer política en maiúsculas, con todo o voso apoio e co voso traballo. Somos a única forza capaz de construír unha alternativa de todas e para todas, recollendo o descontento para transformalo nunha vila de futuro. Por iso vos tendo a man para construírmos xuntas este camiño de futuro”, clausurou o acto a candidata.
Pola súa banda, Presas resaltou que “o modelo de éxito do BNG é aplicable en todos os concellos, baseado no I+D+i de conseguir o imposible, na confianza, en facer o que se di e en gobernar sen ataduras”. A parlamentaria, bendeciu a candidatura local destacando a ilusión, a xuventude e ganas do equipo para “cambiar a historia e construír o futuro”, sentenciou.
O acto foi inaugurado con música polo grupo pontés No Cómbaro tras o que o veterano Fermín Paz, candidato número 13 da listaxe, participou cun discurso no que reivindicaba o pasado de loita obreira nas Pontes para tomar en conta no presente.
Este acto supón o pistoletazo de saída da precampaña, un evento que serviu para reecontrarse coa veciñanza e a militancia logo dos anos de pandemia. O BNG é o único partido das Pontes que ten presentada a súa candidatura, cun equipo plural e diverso que representa fidedignamente a vila.