CONVERSAS 28M
Carmela Franco: "O domingo ábrese un tempo novo para As Pontes: é o tempo da veciñanza"
Carmela Franco (As Pontes, 1999) é a nosa candidata á alcaldía. Filóloga Galega con dous mestrados e con vocación de mestra, quere facer partícipe á veciñanza do necesario cambio que precisa As Pontes. Ten un gran interese pola poesía e pola música pero a súa gran fascinación é a xente.
Por que decidiches dar o paso para encabezar esta candidatura?
Lévoo dicindo xa moito tempo, din un paso adiante como o puido ter dado outra compañeira. A min tócame poñer a cara, pero somos un proxecto plural que ten as ideas claras e sabe o que precisa e o que podemos facer por As Pontes. Estamos nun punto de inflexión no que se deciden moitas cousas cruciais do noso futuro e todas temos que estar á altura e aportar. Eu estou moi orgullosa do papel que estamos a xogar e da nova etapa que se abrirá a partires deste domingo.
Que destacas do voso equipo?
Destaco precisamente iso, que somos un equipo. A min daríame pena conformar unha candidatura só pensada e centrada nunha soa persoa. Nun proceso de renovación, pola miña propia maneira de traballar e de entender as cousas, vin necesario que ademais da savia nova, se incorporase xente con contrastada experiencia e que fixo moito por As Pontes. Foi un proceso moi participativo, onde cada persoa puxo o seu gran de area para conformar o programa, para pegar carteis, para falar nos actos...
Que trazos de ti mesma destacas á hora de liderar esta candidatura?
Eu sempre digo que son unha persoa á que lle gusta moito a xente. Nestes meses tiven o pracer de conversar con moitas persoas diversas, de moitos lugares, de moitos ámbitos... Ademais, considérome unha persoa empática, á que lle gusta escoitar e comprender as necesidades das persoas que me rodean. Doutra banda, creo que teño unha gran capacidade de traballo e de organización.
No relativo ao futuro industrial da vila, que vai pasar cos proxectos anunciados?
Hai quen se dedica a meterlle medo á veciñanza dicindo que se as empresas veñen a As Pontes é pola acción dunha soa persoa. Os proxectos que veñen e virán instálanse aquí porque temos un gran potencial e tamén unha longa tradición industrial. De feito, esa mesma persoa que presume de álbum fotográfico non fixo nada por facilitar a súa chegada dotando eses espazos de infraestruturas básicas para que se poidan poñer en funcionamento ou en xerar o necesario chan industrial. O PSOE xa non fala de Transición Xusta como o facía antes. De feito, nesta campaña non fixo ningunha referencia a ela. Nós levamos tempo reclamando que se faga valer a nosa soberanía sobre os intereses partidistas para poder ter o necesario concurso de Transición Xusta dos nosos 1.400 MW.
Que propostas destacas para mellorar As Pontes?
Todas aquelas que poñen ás persoas no centro, á veciñanza que vive día a día a nosa vila e precisa de recursos, servizos e administración que lle faga a vida máis sinxela. O noso mastro maior é o Fogar para as nosas maiores, por unha cuestión moi básica que atende á realidade: temos cada vez unha poboación máis avellentada e merece un espazo onde ser coidada e vivir dignamente, e que ese espazo ademais estea pensado en función das diversas necesidades que poidan ter os seus usuarios. Temos que converternos na Vila dos Coidados, pero tamén na que tenda unha ponte co rural, que poña no centro a mocidade e volvermos a recuperar o pulo industrial que nos converta na terra de oportunidades que algún día fomos. A veciñanza ten que recuperar de novo a voz e temos que conseguir incrementar a participación de todas, porque As Pontes é de todas.
Como valoras a campaña?
A verdade é que estou moi satisfeita co traballo que desenvolvemos todas. Fomos quen de facerlle chegar a toda a veciñanza as nosas propostas, de escoitala, de conversar. Para gobernar un Concello non chega con dicir que es o que mellor o coñece, tes que facer por falar con todo o mundo, ver que precisa e conseguir solucións. Precisamos persoas implicadas que participen activamente nun momento crucial para a nosa vila, no que todas temos que ter palabra. Tamén vin moita soberbia e moitas referencias á nosa candidatura por parte do goberno actual. Iso só significa que estamos no camiño axeitado, realizando unha boa tarefa de oposición, pero tamén formulando a única alternativa realista de goberno.
Que agardas da cita deste domingo?
Para a nosa vila sería nefasta unha nova maioría absoluta neste tempo novo que se abre. Temos que ser quen de negociar, de participar e de traballar todas xuntas. No BNG xa demostramos en moitas ocasións que colaboramos todo o posible e máis polo ben da veciñanza, aínda que moitas veces fora en contra do beneficio propio. Esta é a nosa forma de traballar e así o seguiremos facendo poñan onde nos poñan as nosas veciñas e veciños. Doutra banda, si que me gustaría, e penso que é máis que merecido, que persoas coma Diego, Emma ou Dani poidan acadar un asento no pleno, para facelo máis plural con persoas que teñen amplos coñecementos e moito que aportar á nosa vila.