Fondo de Compensación Ambiental e suba da luz

Manuel Requeijo, alcalde de Muras.
Manuel Requeijo, alcalde de Muras.
No ano 2010 a Xunta aprobou a creación do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) para procurar beneficios indirectos, ao seu xuízo, aos concellos con parques eólicos; dito fondo mantense co canon que o goberno galego lle cobra ás empresas eólicas.
Fondo de Compensación Ambiental e suba da luz

No ano 2010 a Xunta aprobou a creación do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) para procurar beneficios indirectos, ao seu xuízo, aos concellos con parques eólicos; dito fondo mantense co canon que o goberno galego lle cobra ás empresas eólicas.

Na actualidade, As Pontes é o cuarto concello de Galiza en número de aeroxeradores (139), despois de Muras (381), Abadín (198) e Ourol (156), polo que ingresa uns 250.000 euros anuais en concepto de FCA (cantidade que, curiosamente, é o salario anual dos 8 cargos públicos que pagamos); por este motivo, dende o BNG das Pontes presentamos, hai tempo, unha moción no Pleno do Concello para que se estudiase a Ordenanza do Concello de Muras que abarata, con carácter xeral e progresivo, o prezo do recibo eléctrico a toda súa veciñanza; a proposta foi aprobada coa única abstención do PP, van máis de 3 anos que o PSOE non a desenvolve.

Lembremos que no momento dese debate, os traballadores/as e o persoal pasivo de Endesa aínda tiñan a súa tarifa de empregados, que agora, coa desastrosa sinatura do último Convenio, foi extremadamente rebaixada; a proposta feita polo BNG trataba favorecer á poboación que non tiña esta cobertura existente en Endesa.

Tampouco tivo moita fortuna outra moción do BNG na que solicitábamos o apoio á creación dunha Tarifa Eléctrica Galega, fundamentada nos excedentes eléctricos que Galiza produce ano a ano e, tamén, no impacto que esta actividade xera no territorio galego, onde máis de 80% dos concellos teñen algún centro de produción de electricidade, sen termos ningunha compensación. Neste caso, o alcalde dixo que o “corpo non lle permitía aprobar” a nosa proposta; mentres, o PSOE de Huesca, con mellor corpo e moita máis responsabilidade, aprobaba na Deputación Provincial a solicitude dunha rebaixa do 20% no recibo eléctrico aos concellos con centrais hidroeléctricas, como é caso das Pontes onde temos dous encoros.

Son distintas formas de entender a política, unha facer propostas en positivo e crear dereitos, e a outra desprezar calquera iniciativa que sae do seu limitado guión e que cuestione a vía da subvención -ou mellor dito, do favor- como principal actividade político electoral.

Semella que nas Pontes, onde están presentes diferentes formas de xeración de electricidade que marcan e definen os usos do territorio, non hai disposición política por parte do goberno municipal en buscar fórmulas, como un dereito, que favorezan o prezo do recibo eléctrico para o conxunto da cidadanía e das industrias. E non será por propostas e oportunidades.

Fondo de Compensación Ambiental e suba da luz