TRANSICIÓN XUSTA
As Pontes queda oficialmente fóra das axudas da Transición Xusta deste ano
A incompetencia do goberno municipal fai que a nosa vila perda, por segundo ano consecutivo, a oportunidade de investir en importantes proxectos locais
O BNG das Pontes amosa “predisposición total para colaborar na elaboración destas iniciativas como xa se fixo co Plan Estratéxico no 2019”
A incompetencia do goberno municipal do PSOE fai que o noso Concello quede fóra das axudas Transición Xusta para infraestruturas municipais ambientais, sociais e dixitais. O que en febreiro era unha inadmisión provisional por defecto ou falta de documentación obrigatorio, converteuse fai uns días na súa exclusión definitiva. Así, a nosa vila volve perder outro ano máis a oportunidade de levar adiante proxectos cunha gran suma de fondos que proveñen doutras institucións.
A resolución final publicada o pasado 31 de marzo expón que os proxectos presentados polo Concello das Pontes non chegaron a ser admitidos, tampouco logo das reclamacións, por incumprir as bases da convocatoria. É dicir, As Pontes queda fóra das axudas que lle corresponden como centro da nosa zona de transición mentres outras vilas da contorna poden investir en interesantes iniciativas cunha importante dotación económica.
A voceira local e candidata á alcaldía, Carmela Franco, lamenta “exclusión das Pontes destas importantes axudas que poderían facer realidade, por exemplo, o noso Fogar das Maiores co dobre de prazas que a proposta por Formoso e mellorar considerablemente a vida das pontesas e ponteses”. Asemade amosa a “predisposición total do BNG, como xa se fixo no 2019 co encargo do Plan Estratéxico, para colaborar na elaboración destes proxectos para os que se expón claramente o obxecto da convocatoria e a documentación a aportar e que ningunha das oito dedicacións exclusivas tivo a ben cumprimentar”, sinala a alcaldable do BNG.
A principal baza de Formoso de cara a veciñanza era a súa predisposición e contactos cos altos mandos do seu partido, cos que se gaba facendo fotografías e asistindo a diferentes actos. De feito, o agora ministro de Sanidade, Xosé Manuel Miñones, acudiu no seu día a presentar a oficina técnica de soporte da Transición Xusta, unha oficina que debe traballar para todas menos para As Pontes. Nós agora pagamos os pratos rotos do PSdeG e das aspiracións frustradas do pluricandidato que, ademais de termos un alcalde en funcións obrigado polo seu partido, está rodeado dun equipo de goberno que non é quen de cubrir un simple formulario.