CONVERSAS 28M

Iago Foxo: "Na cultura precisamos planificación, cooperación entre entidades, dárlles máis relevancia e espazos propios"

Iago Foxo, candidato nº 8
Iago Foxo, candidato nº 8
Iago ten alto interese no ámbito cultural e resalta que fai parte da candidatura porque lle atrea o equipo conformado por Carmela e "a idea dun proxecto que vai máis alá de catro anos foi moi atractiva para min"
Iago Foxo: "Na cultura precisamos planificación, cooperación entre entidades, dárlles máis relevancia e espazos propios"

Iago Foxo (As Pontes, 1994) é graduado en Filoloxías Galegas e Hispánicas e cun mestrado de Profesorado. Conta cunha ampla implicación coa vida cultural da vila, especialmente no eido musical, formando na actualidade parte da directiva da Banda Recreativa e Cultural das Pontes. Agora, dá un paso máis e forma parte da candidatura do BNG para as eleccións deste domingo 28 de maio.

Por que decidiu dar o paso e formar parte da candidatura do BNG para estas eleccións municipais?
A confianza posta en min por parte de Carmela, a súa idea de proxecto e equipo que puxo o ollo alén dos próximos catro anos e porque aceptei con certa resignación ver As Pontes desde a distancia e cansei desta visión derrotista.

Que destacas das persoas que compoñen a candidatura?
Destaco, ironicamente, a inexperiencia. Destaco a necesidade dun equipo con máis ganas de aprender que un que cre sabelo todo. Ninguén nace aprendido e moito menos deixa de aprender nunca. Carmela é unha candidata con ganas de aprender e de traballar, igual ca Kiko, ca Chus... así ata o número 13 e co resto de suplencias. A política non é unha licenciatura, é escola da rúa, e hai que falar con ela e desde ela.

Que necesidades ten a mocidade?
As mesmas que tiña cando eu era máis mozo. As Pontes só existe entre os 0 e os 16 anos (e nin eso xa) ou dende os 40 en diante. Se es adolescente, vai a Odeón pasa-lo tempo. Se traballas e non tes fillos aínda, xa atoparás que facer. Creo que a mocidade hoxe en día, e é un reto que vai por riba do propio pobo, non ten sensación de pertenza. Non hai espazos onde facer proxectos, onde pasalo ben, onde ser adolescente. Punto. A casa da xuventude é unha entelequia. A biblioteca parece que tamén. A xuventude necesita lugares onde poder expresarse como o que son: caos puro que quere descubrirse e descubrir o mundo.

Que lle falta á planificación cultural das Pontes?
A vila ten unha falta de comunicación entre entidades máis grande da que parece. Hai varias escolas musicais que case nunca ou nunca participaron xuntas, hai organizacións deportivas que existen de puro milagro, hai tantas cousas que non se falan entre elas que ata dá pena. Hai un auditorio ancorado en finais do século XX. Faltan tanto foliadas como festivais de música urbana. Se algo fixeron as redes sociais pola cultura, foi mostrar que existen cousas fóra das nosas fronteiras mentais. Fagamos deste un pobo onde esas cousas encaixen sen problemas, non que haxa que ir buscalas e nunca volver.

Cal sería o modelo cultural ideal para a nosa vila?
Precisamos que existe unha planificación a medio prazo, fomentar a cooperación entre entidades, dotalas de mellores espazos para desenvolver as súas actividades e dárlles máis espazos durante todo o ano, pero sobre todo nas festas. Precisamos tamén impulsar a entidade galega, por exemplo mediante a recuperación de prestixiosos certames literarios que tiñamos nas Pontes ou a reactivación do departamento de Normalización Lingüística. Temos unha infraestrutura coma o Alovi, insertada en AGADIC, na que non se realizan representacións teatrais coma antes ou no que non podemos emitir as estreas porque non temos soporte dixital. Doutra banda, deberíase incrementar a participación da veciñanza no ámbito cultural, apoiando a cultura popular, especialmente a que provén da mocidade.

Por que che gustaría vivir aquí?
A miña idea de vivir en As Pontes pasa pola de calquera. Somos animais que recordamos onde nacemos, salvo que se dea moi mal a cousa. A xente non escapa das súas vilas porque si, escapa porque a botan. Non volve de estudar porque non ten onde traballar, onde pasalo ben, onde ter un proxecto vital. Non minto cando digo que non teño un futuro 100% certo en As Pontes, pero quero que esa probabilidade xogue coas normas que mellor me veñan, e para iso teño, temos, que traballar.

Que é para ti a política?
Parafraseando a un dos meus autores favoritos, Juan Mayorga, a política é algo que se fai en asemblea, porque a súa firma é colectiva e porque é crítica e utópica. A política é o espazo dos combates máis doentes contra o mundo e, en consecuencia, un dos maiores actos de camaradaxe que existen. É un espazo onde buscar refuxio nun mundo cada vez máis individual. Voltar a As Pontes é política. Vivir aquí, tamén. Non todo está politizado nin é politizable, mais todas as decisións son política... non deixemos que os partidos tradicionais e o sistema bipartidista nos quiten os triunfos sociais.

 

Iago Foxo: "Na cultura precisamos planificación, cooperación entre entidades, dárlles máis relevancia e espazos propios"