ENCONTROS COA VECIÑANZA
O BNG reúnese coa veciñanza das Veigas para falar arredor da venda das vivendas e da recepción por parte do Concello de varias instalacións sitas na zona
As persoas asistentes reclamaron maior implicación e consenso para acadar acordos que beneficien á veciñanza
A candidatura do BNG segue a manter xuntanzas abertas coa veciñanza para recoller as súas necesidades, aportar solucións concretas e achegar as súas propostas. No encontro coas veciñas e veciños das Veigas, tratouse con especial interese o uso futuro das instalacións que Endesa vai ceder ao Concello e a venda das vivendas ás persoas residentes.
Sobre o complexo, pistas deportivas e Lar, que serán recibidas polo municipio, indicouse que é responsabilidade do goberno municipal facer vixianza e control para garantir unha entrega en bo estado que cumpra coas ordenanzas municipais. A nosa proposta arredor de posibles usos de espazos, sinalouse o compromiso de transparencia, información e participación veciñal á hora de tomar decisións sobre eles.
Arredor da cuestión da venda das vivendas, o BNG vén defendendo desde o 2015, ano no que o PSOE aproba o Convenio con Endesa, a necesidade de que a mesma non repercutira os gastos das obras de urbanización no prezo de venda das vivendas. A candidatura trasladou a importancia de establecer de xeito urxente unha comisión negociadora AVV-Endesa para marcar as condicións de venda, co Concello como promotor e intermediario da mesma.
Neste senso, o BNG fixo unha exposición do marco actual do proceso, influenciado de xeito moi negativo pola perda dos beneficios sociais, entre os que estaban as vivendas, por mor do novo convenio regulador con Endesa. Asemade, incidiuse nos pasos pendentes para proceder á venda formal, que deben contemplar o cumprimento urbanístico das parcelas e das edificacións existentes nelas, baixo as normas aprobadas en xuño de 2019, dotando de seguridade a quen as merque.
Os membros da candidatura amosaron o seu compromiso de poñelo en marcha con urxencia. Pola parte da veciñanza fíxose unha demanda de consenso e responsabilidade por parte das forzas políticas arredor destas cuestións. Ante esta demanda, amosouse a nosa enteira disposición neste camiño, como foi a elaboración do Plan Estratéxico de Actuacións Municipais, aprobado no pleno por todas as forzas políticas mais que o PSOE non está a desenvolver