CAMPAÑA 28M

O PSOE das Pontes fai un uso partidista das institucións e dos recursos públicos

A candidatura socialista buzonea convites á veciñanza en nome do Concello e utiliza os edificios públicos ao seu favor para facer campaña

O PSOE local volve xogar coas súas propias normas do xogo e reitérase na súa tradicional utilización do Concello para beneficiar o partido na campaña electoral. Os socialistas fan uso de fondos públicos para realizar mitins arredor de todo o concello á vez que liberan os edificios públicos municipais para poder dar os seus mitíns.

Durante as últimas semanas, o pluricandidato Formoso enviou ás veciñas e veciños das Pontes un convite para manter diversas reunións polas parroquias e barrios da vila. Trátase dun acto normal, algo que tamén está a facer o BNG para conversar coas veciñas e tentar dar solución ás súas propias demandas e propostas. Non obstante, o PSOE fixo uso de fondos públicos depositando en cada buzón das Pontes un convite asinado polo alcalde das Pontes co logo do noso Concello.

Firma do convite ás veciñas depositado buzón a buzón nas últimas semanas. CEDIDA

Este feito trátase do colofón a un mandato caracterizado pola falta de transparencia. Á veciñanza xórdenlle varias cuestións con respecto a isto. Con que fondos se sufragaron os gastos de impresión e reparto desas cartas? Pode o Concello-PSOE realizar un buzoneo que non se lle permite ao resto de forzas políticas? Por que asina como alcalde das Pontes e co logo do Concello para unhas reunións que son claramente partidistas xa que non se desenvolveron en todo o mandato?

A todas estas preguntas úneselle, como tamén é tradicional, a utilización dos locais que indica a Xunta Electoral para facer mitins. O BNG realizará o seu acto central de campaña o venres 19 de maio no Cine Alovi, algo que xa foi remitido e aceptado polo órgano electoral. Non obstante, o PSOE solicitou unha data que non estaba dispoñible e a Xunta Electoral denegou a utilización dese espazo pola candidatura socialista.

Denegación da Xunta Electoral á utilización do Cine Alovi por parte do PSOE.

Estamos ante un caso curioso que nos xera outra cuestión. Mentres que vemos como os socialistas utilizan o Concello para facer campaña sen pudor, como é que non saben que días están libres os edificios municipais que xestiona a propia institución? Non o temos claro, pero si que sabemos que o PSOE volveu utilizar o Concello para liberar o Cine Alovi para o seu acto de campaña e finalmente si que poderán celebralo dado que así o aceptou a Xunta Electoral.

A Xunta Electoral de Zona comunica a ampliación de horas para o Cine Alovi respondendo á petición do Concello-PSOE.

Os socialistas non atenden ás cuestións do xogo limpo democrático e recorren a todo tipo de artimañas para librarse da alternativa que se abre para gobernar As Pontes despois do 28 de maio. Se tan sobrados van, dado que nin o pluricandidato veu onte pegar os carteis coa súa propia cara xa que lle deben gustar máis os de Santiago, por que utilizan os cartos e os espazos de todas para facer campaña para si mesmos?