CAMPAÑA 28M
O PSOE das Pontes fai un uso partidista das institucións e dos recursos públicos
O PSOE local volve xogar coas súas propias normas do xogo e reitérase na súa tradicional utilización do Concello para beneficiar o partido na campaña electoral. Os socialistas fan uso de fondos públicos para realizar mitins arredor de todo o concello á vez que liberan os edificios públicos municipais para poder dar os seus mitíns.
Durante as últimas semanas, o pluricandidato Formoso enviou ás veciñas e veciños das Pontes un convite para manter diversas reunións polas parroquias e barrios da vila. Trátase dun acto normal, algo que tamén está a facer o BNG para conversar coas veciñas e tentar dar solución ás súas propias demandas e propostas. Non obstante, o PSOE fixo uso de fondos públicos depositando en cada buzón das Pontes un convite asinado polo alcalde das Pontes co logo do noso Concello.
Este feito trátase do colofón a un mandato caracterizado pola falta de transparencia. Á veciñanza xórdenlle varias cuestións con respecto a isto. Con que fondos se sufragaron os gastos de impresión e reparto desas cartas? Pode o Concello-PSOE realizar un buzoneo que non se lle permite ao resto de forzas políticas? Por que asina como alcalde das Pontes e co logo do Concello para unhas reunións que son claramente partidistas xa que non se desenvolveron en todo o mandato?
A todas estas preguntas úneselle, como tamén é tradicional, a utilización dos locais que indica a Xunta Electoral para facer mitins. O BNG realizará o seu acto central de campaña o venres 19 de maio no Cine Alovi, algo que xa foi remitido e aceptado polo órgano electoral. Non obstante, o PSOE solicitou unha data que non estaba dispoñible e a Xunta Electoral denegou a utilización dese espazo pola candidatura socialista.
Estamos ante un caso curioso que nos xera outra cuestión. Mentres que vemos como os socialistas utilizan o Concello para facer campaña sen pudor, como é que non saben que días están libres os edificios municipais que xestiona a propia institución? Non o temos claro, pero si que sabemos que o PSOE volveu utilizar o Concello para liberar o Cine Alovi para o seu acto de campaña e finalmente si que poderán celebralo dado que así o aceptou a Xunta Electoral.
Os socialistas non atenden ás cuestións do xogo limpo democrático e recorren a todo tipo de artimañas para librarse da alternativa que se abre para gobernar As Pontes despois do 28 de maio. Se tan sobrados van, dado que nin o pluricandidato veu onte pegar os carteis coa súa propia cara xa que lle deben gustar máis os de Santiago, por que utilizan os cartos e os espazos de todas para facer campaña para si mesmos?