CAMPAÑA 28M

O PSOE realiza o seu último acto de campaña utilizando as institucións cun pleno de última hora

Concello das Pontes
Concello das Pontes
O Grupo Municipal do BNG realizou un voto favorable pero crítico aos investimentos que hoxe anuncia o Concello
 
O PSOE realiza o seu último acto de campaña utilizando as institucións cun pleno de última hora

O PSOE volve realizar unha utilización e apropiación das institucións de toda a veciñanza coa “convocatoria de urxencia” dunha sesión plenaria con fins electoralistas. Nesta, unha das que maior contido tiveron no mandato que remata, aprobáronse diversas cuestións ao que o BNG votou favorablemente para non prexudicar á veciñanza na enésima utilización partidista dos socialistas ponteses.

O goberno municipal procura influir na xornada de reflexión de mañá cunha nova sobre unha boa numerosa partida de gasto de máis de 4 millóns de euros, algunha pendente desde 2018. O peche da campaña electoral por parte do actual goberno é a mostra do acontecido nos últimos anos, evidenciando a mala xestión, xa que a meirande parte dos expedientes derivan dela e da falta de orzamentos.

O BNG non ve a urxencia exposta nesta convocatoria, polo menos no que corresponde aos intereses da veciñanza, pero tampouco imos ser nós quen nos opoñamos a debater nuns plenos que levamos solicitando todo o mandato. Non obstante, podemos entender que o PSOE si detecte urxencia pola perspectiva que lle poidan estar a dar as súas enquisas internas ou para deixar todo atado ante unha probable perda do goberno logo deste domingo.

Os únicos motivos para convocaren unha sesión de urxencia hoxe sería se fose para pechar algunhas das múltiples frontes abertas que deixa este esgotado goberno. O BNG acudiría encantado se fose para coñecer a resposta á reclamación que teñen feita as persoas propietarias das Fragas do Eume desde novembro para bonificarlles a contribución.

Tamén se fose algo relativo á urxencia industrial que ten que solventar a nosa vila. Unha sesión na que se indicaran actuacións concretas para a creación de novo chan industrial ou a dotación de servizos básicos como a auga e a electricidade para as parcelas de Sentury, Ence ou Reganosa.

Outra cuestión que nos gustaría tratar nun pleno urxente sería unha solución para os contratos con Valoriza ou co Servizo de Axuda no Fogar, sendo estas situacións que afectan á perda salarial das traballadoras e non só da empresa, coma no caso da concesionaria da piscina.

Desde o BNG non puxemos ningún atranco nin se caeu nesta trampa electoralista ante a que nos quixeron colocar polas perspectivas do PSOE na cita deste domingo. Nós sempre do lado da veciñanza, que non ten ningunha culpa de que este goberno utilice de novo os fondos de todas para beneficio propio, retrasando ingresos que tiñan que levar tempo feitos e deixando sen acometer outros tan importantes na situación actual.
 

O PSOE realiza o seu último acto de campaña utilizando as institucións cun pleno de última hora